0. INTRODUCCIÓN

Xestión Integrada da Zona Costeira:

o importante, é o “concepto”.

Antes de definir conceitos como xestión-integrada, convén refererir que é o que entendemos por COSTA ou LITORAL.

Barragán (Univ. Cádiz):

“un espazo diferenciado, unha franxa de ancho variábel, resultante do contacto interactivo entre a natureza e as actividades humanas que se desenvolven en ámbitos que comparten a influencia do mar”.

Dirección Xeral do Ambiente-UE: “un espazo tridimensional que abrangue elementos mariños, aéreos, xeolóxicos e terrestres entendidos no ámbito dos ambientes físicos e ecolóxicos, do contexto económico, do contexto administrativo (goberno) e do contexto social. O centro de interese da zona costeira é a interface entre a terra e o mar.”

Dirección Xeral do Ambiente-UE: “un espazo tridimensional que abrangue elementos mariños, aéreos, xeolóxicos e terrestres entendidos no ámbito dos ambientes físicos e ecolóxicos, do contexto económico, do contexto administrativo (goberno) e do contexto social. O centro de interese da zona costeira é a interface entre a terra e o mar.”

A modo de visión xeral do asunto a tratar, presentamos as 3 presentacións power point anexas:

01ª_Aproximación_XIZC_RdV_2011

02ª_Aproximación_XIZC_RdV 2011

03ª_Aproximación_XIZC_RdV 2011

Durante séculos a explotación dos recursos costeiros de Galicia desenvolveuse de forma máis ou menos sustentable ou, cando menos, xerando un impacto asumido pola capacidade de carga ecolóxica do propio ecosistema. Nas últimas décadas, a situación ambiental das zonas litorais e, concretamente, na Ría de Vigo, experimentou un notable empeoramento como consecuencia da expansión industrial e o medre demográfico asociado (nomeadamente a partir do “desarrollismo” nos anos sesenta), acompañado da ocupación do territorio, instalación de infraestruturas e actividades fabrís, contaminación, urbanización, etc. Xunto aos usos tradicionais no litoral e no mar, encetáronse novas explotacións ou, cando menos, as mesmas pero cunhas características técnicas dos procesos produtivos máis industrializados (pesca mecanizada, asteleiros, portos, parques industriais, infraestrutura, etc..) e demandas de novos usos da superficie mariña e do espazo da beiramar.

Estes problemas de xestión nas zonas costeiras ou, máis ben, de falla de xestión planificada e integrada, comezou a xerar conflitos entre os axentes e protagonistas das diferentes actividades e usos que converxen no litoral. Desencontros e intereses diversos que non fixeron máis que empeorar a situación ambiental e impedir a posta en marcha de medidas dirixidas a unha planificación do territorio e dos usos que nel se deberan dar sen ocasionar danos ao ambiente e sen privar o aproveitamento público e colectivo. Por tanto, estamos ante un escenario onde conflúen distintos usos, actividades, intereses, axentes, administracións e políticas, frecuentemente centradas en aspectos sectoriais que non  procuraron a harmonización entre actores e utilización do recurso (o espazo e os recursos biolóxicos principalmente). Daquela, como xa se vén recomendando desde hai anos no seo da Unión Europea (UE), cómpre intervir de forma máis racional en espazos desta natureza e características. É por iso que os organismos internacionais e nacionais salientan a urxencia de deseñar políticas de desenvolvemento integral do espazo e dos usos nas zonas costeiras. Eis o desenvolvemento no seo da UE de Programas piloto en 1999 de estudio, planificación e xestión dos recursos do espazo litoral e da superficie mariña adxacente, ou a Recomendación UE 2000 dictada para este fin.

Con ese albo, estanse a deseñar diversas versións de planos de estudo e ordenación do litoral, coñecidos de forma xenérica como XIZC (Xestión Integrada da Zona Costeira // ICZM: Integrated Coastal Zone Management).

Pode ser que a XIZC sexa no fondo unha “cuestión de concepto”??

Na práctica, representa unha idea interdisciplinar de abordar a planificación e regulamento de usos-actividades no territorio e nas augas mariñas, que abrangue campos tan diversos (mais estreitamente relacionados) como a Ordenación do Territorio-Planificación Urbanística, a Socio-economía da zona a estudo, a investigación (mariña-pesqueira-ambientais), o Desenvolvemento industrial, a Ordenación Pesqueira, a Xestión dos Recursos Naturais, as políticas Sociais e a Participación Cidadá, etc.

Neste exercizo preténdese facer, a modo de “ensaio”, unha proposta de Plano de Xestión Integrada da Zona Costeira a implementar na Ría de Vigo.

No inicio presentarase unha breve contextualización histórica que amosa as principais liñas evolutivas da utilización dos recursos no mar e na beiramar. A continuación faise a delimitación do espazo e determínase a considerar como Unidade de Xestión (UX) sobre a que se pretende aplicar a XIZC, expoñendo a presenza de usos e a relación dos principais axentes e administracións que teñen algo que dicir respeito á costa e ao mar.

Xa que logo, trátase de expor como se artella técnica, administrativa e politicamente o devandito Plano de XIZC: diagnóstico da UX, deseño, construción, proceso de consulta-exposición, fase de establecemento, Plan de acción, actores executores, etc, etc.

Breve retrospectiva histórica dos usos-actividades na Ría de Vigo.

Neste espazo, poboado desde hai máis de 2.000 anos, alén (beyond) dos tempos castrexos, desenvólvense toda unha complexa serie de actividades produtivas (incluíndo os servizos como produto) que naceron orixinariamente a redor da actividades extractivas dos recursos naturais: a pesca-marisqueo. Durante séculos a pesca e a transformación artesanal dos seus produtos (secado, salgado, afumado, escabechado) foi a actividade dominante nas poboacións ribeireñas, facendo desta ría xa na Idade Media, a principal comarca pesqueira do país, e case que se podería dicir de toda a península ibérica.

A partir do século XIX as actividades que tiñan lugar na costa ou nas augas da ría xe empezaron a diversificar, salientando as actividades de cabotaxe locais, o transporte marítimo internacional, a instalación  de industrias e actividades fabrís na beiramar (nomeadamente a industria conserveira herdeira da antiga tradición da salgazón vencellada á sardiña), a construcción naval, talleres varios, etc.

Comeza así a o inicio de relevantes transformacións na banda costeira e a producirse cambios na súa natureza e na súa fisionomía. En menor medida, o propio medio mariño, o Mar de Vigo, comeza a padecer os primeiros episodios de contaminación froito da incipientes industrialización da cidade, sobre todo a partir da primeira metade do século XX, iso si, impactos cun grao de afección que non tería nada que ver cos actuais problemas de contaminación en determinadas áreas da ría.

O século XX foi o nacemento e consolidación definitiva de Vigo como cidade que chegará a converterse no actual grande núcleo urbano e altamente industrializado, o máis populoso e denso de Galicia 300.000 habitantes no municipio vigués e aproximadamente 400.000 en toda a ría). Así, o medro demográfico e o desenvolvemento urbanístico inician unha progresión en ascenso que despraza cara a beiramar os asentamentos poboacionais, a construción vivendas e a instalación de actividades industriais de diverso tipo (non sempre dependentes dese emprazamento marítimo para o seu funcionamento).

Esta tendencia de crecemento viuse fortemente acentuada nos anos 1960, durante o período denominado “desarrollismo”, cun forte medro demográfico e industrial, que demandou máis superficie de ocupación que, na maior parte das veces, procurou na franxa costeira. En liñas xerais, salvando a escala e coas obvias diferenzas de intensidade transformadora, esa foi a tendencia tamén das vilas costeiras veciñas da ría. Mais este progreso “acelerado” e sen planificar trouxo consigo a pertinente “factura” en termos ecolóxicos e de estado ambiental, tanto da costa como das augas polo que non tardarán en evidenciarse os primeiros efectos ecolóxicos sobre o medio mariño e sobre a idiosincrasia ecoxeográfica da franxa marítimo-terrestre.

Este potente crecemento urbano-industrial en escasos 50 anos, xunta o desenvolvemento de infraestruturas e equipamentos na franxa costeira de vilas e cidades (nomeadamente na banda sur da ría) non fixo máis que acentuar a demanda de superficie costeira e marítima e, consecuentemente, aumentar a presión ambiental en toda a ría, ata chegarmos ao estado actual, nos albores do século XXI, cunha notable eiva en planificación e ordenación de usos-actividades no espazo e ata hai ben pouco cunha carencia total de medidas de conservación ecolóxica do ecosistema mariño.

Hoxe en día a xestión do espazo marítimo-terrestre da Ría de Vigo non se pode ver de forma unidireccional e illada da contorna xeomorfolóxica e socioeconómica na que está inmersa e máis directamente lle afecta. É de vello coñecida a interrelación entre as distintas partes dunha conca xeográfica litoral, como é o noso caso, e o efecto que sobre a natureza ecolóxico dos fondos mariños pode supor, por exemplo, os incendios forestais que nas últimas décadas asolan os montes da comarca. O lume provoca a erosión e destrución dos solos forestais e agrícolas, facendo que finalmente esas lamas cincentas cheguen ao mar a través dos numerosos cursos fluviais que drenan a conca hidrográfica desde Fornelos no interior ata o Morrazo na costa, na mesma contorna litoral da enseada. Ou a carga contaminante que todo asentamento urbano e actividade industrial xera sobre as augas se non son correctamente tratadas en plantas de depuración acaídas ás dimensións e características deses verquidos.

Daquela, temos un feixe de usos e actividades distintas (pesca, marisqueo, actividades transformadoras do peixe, infraestrutura civil marítima e industrial, actividades de lecer, espazos de interese ecolóxico, etc, etc.) con modus operandi diversos e, frecuentemente, tamén con intereses encontrados. Por tanto, se se pretende dispor dun territorio-ecosistemas multifuncionais en clave produtiva e de usos, cómpre acometer sen demora estratexias de planificación e xestión integrada da zona costeira, tal e como xa se vén facendo noutros países atlánticos do noso entorno socio-político.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s